De Matalobos a Xabarín

Dende este mércores ata o 7 de abril no Edificio Miralles

De Matalobos a Xabarín, Trabalingua trae ao campus o máis representativo da música e audiovisual galegos

Iolanda Veloso destaca na inauguración a relevancia destes eidos para acadar a normalización da lingua

De Mareas Vivas a Matalobos, da xeración Xabarín a Os Herdeiros da Crus ou os Diplomáticos de Monte Alto… toda unha volta pola música e o audivisual galegos. Este é o obxectivo dunhas xornadas organizadas pola asociación Trabalingua que se iniciaron hoxe e que ata o vindeiro 7 de abril reunirán no campus algúns dos persoeiros que fan posible a presenza galega nestes ámbitos e a mocidade que converte en éxito este tipo de iniciativas.

Arroupado polo técnico da Actividades Culturais, Alfonso Caride, que acudiu en representación do vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, e pola concelleira de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, o presidenta da asociación Anxo Tato, explicou que se trata “de analizar o momento actual da nosa música e do audiovisual, botándolle cadansúa ollada ás diferentes vertentes”, apuntou ao tempo que destacou a importancia de “ revisar os produtos de consumo cultural da mocidade como son a música e o audiovisual”.

Tamén neste aspecto coincidiron Alfonso Caride e Iolanda Veloso que destacou a súa satisfacción “porque a xuventude da Universidade organice este tipo de actividades sobre cuestión fundamentais para o futuro da nosa lingua”, resaltou a concelleira, que quixo tamén afondar na forte relevancia de realizar actividades dirixidas “á mocidade e aos cativos e cativas, eixe fundamental do futuro dunha sociedade”. Precisamente neste senso, o responsable de Actividades Culturais agradeceulle á asociación o traballo que están a levar a cabo para dinamizar a situación da lingua galega “e de todo o que ten que ver coa cultura do noso país”.

Xeración Xabarín

Para abrir boca nesta primeira xornada, os asistentes visionaron un capítulo de Matalobos, un exemplo de proposta arriscada nas series de fición galegas e, xa despois, a oportunidade de debater as claves do éxito deste tipo de productos co produtor Pepe Coira, o presidente da Asociación Galega de Guionistas, Carlos Ares, e o coñecido actor Luis Iglesia, Carmelo, na serie Matalobos.

E se algo se caracteriza por marcar a toda unha xeración foi o Xabarín Club e, quen mellor para recordalo que o propio director do programa Alberto Casal, que estivo acompañado polos músicos Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza, Puto Coke e Woiza. Salientando que se “vai reciclando o panorama” subliñaron que hai productos que nacen con vocación de iconos e que “a día de hoxe son moitos os exsocios que xa nos mandan os seus propios videoclips”.

Este xoves: cine, animación e curtametraxes

Se esta primeira xornada estivo protagonizada pola ficción televisiva, este xoves a mirada dirixirase ao cine e ao sector da animación. A análise da historia do cinema en Galicia, as súas trabas e vías de futuro, os videoclips, os festivais… serán algún dos temas a abordar polo profesor Miguel Anxo Fernández, que estará acompañado por Manuel Sande ou Xosé Nogueira, entre outros.

Ligazón á nova no Diario da Universidade de Vigo

WordPress Themes