II CONCURSO LITERARIO -22- Chove por nós e dicimos que mexan

PSEUDÓNIMO: Inefábel

CATEGORÍA: relato

TÍTULO: Chove por nós e dicimos que mexan

Chove, sempre chove e a auga apodérase dos nosos soños. Cada vez que as diminutas pingueiras se precipitan contra o chan levan consigo un soño dunha persoa anónima de todo ese grupo que conforma a humanidade.
De nada serve que se protexan con paraugas, chuvasqueiros ou calquera outro utensilio. A molécula endiañada sempre furta de algures a ocasión para apresar o noso máis valioso tesouro.
Quizais por iso Galiza, terra na que chove tanto, ou canto menos no pasado era así, ficou sen folgos para resistir ao ataque daqueles que lle querían negar a identidade e a liberdade. Quizais por iso pariu a aquela criatura de tamaño dun trasgo e de malicia sobrenatural que chegou a ser ditador: ditador de auto-odio, ditador de resentimento contra a choiva que tantos soños lle quitara.
Eu gosto de camiñar baixo a choiva sen paraugas, medindo a miña capacidade para protexer a miña riqueza, os meus anhelos. Sei que moi probabelmente non consiga gardalos todos, mais, polo menos, algúns aínda van permanecendo impasíbeis.
Se cadra aínda non lles chegou a hora. Tamén, se cadra, é que son indisolúbeis. Ou, tal vez, quéroos tanto que se volveron impermeábeis.

WordPress Themes