II CONCURSO LITERARIO-20- sen título (conxunto de poemas
PSEUDÓNIMO: I. Natural
CATEGORÍA: poesía
TÍTULO: sen título (conxunto de poemas)
Auga da traída
Non é soño do que durme.
É noite lonxeva, que trae;
é flanela noxenta, que leva;
é penitencia…
…que trae e que leva, que trae e que leva.
Non é dono do que xurde.
É mártir, pesadelo, que trae;
é mal, amarelo, que leva;
é convivencia…
…que trae e que leva, que trae e que leva.
Non é lobo o que morde.
É fame, necesidade, que trae;
é fume, fatalidade, que leva;
é final…
…que trae, que atrae… pero que xa non leva.
Catro elementos
O segredo do lume
desata confesións nas cores.
Mágoa que chores
(queimando a bágoa que chove)
se pousan as cinzas
aínda sen rexurdir, nas voces.
É máis ben o arume do mal
o que oulea nesa áurea oriental.
Brota e separa as miñas vértebras,
esgota e se para nas túas brétemas.
O segredo da terra
destapa confesións nas cores.
Mágoa que chores
(enlamando a bágoa que chove)
se pousan as pedras
aínda sen varrer, nas voces.
Opulenta a vergoña,
acazapa a pezoña mutua.
Ríndose do que devora
réndese ó que namora.
O segredo do aire
desarma confesións nas cores.
Mágoa que chores
(ventando a bágoa que chove)
se pousan os refachos
aínda sen voar, nas voces.
Erosionan malsoantes beizos
con ciceles descoloridos;
relambendo pinceis tesos
relembrando bicos presos.
O segredo da auga
derrama confesións nas cores.
Mágoa que chores
(afogando a bágoa que chove)
se pousan as marismas
aínda sen escorrer, nas voces.
Cambia o rumbo do norte
na morte do día. É sinxelo
se mesturas desexos a partes iguais;
se tristura a parte, vertes mananciais.
Arrepentimento
Quixera perder os fíos,
cambialos por feridos;
meus e teus, seus consellos
sintomáticos perdidos.
[Desas voces protestantes
que deixan postos vacantes;
para cando o nacemento
nas miñas mortes sen sentido.
Conseguir habitar no contido;
nos textos, xestos pacíficos
sen soltar ningunha fazaña,
sen liberar ningún cumprido].
Pero só perdo os galóns
que mudan en conformismo;
o menos soberano rango
dos caprichos do destino.
Ant- agónico
Odiar é
desexar matar,
matar e morrer.
Morrer é querer
nacer sen sorrir,
e querer sorrir
é querer.
Meu corazón indefinido
Case, pero non.
Nunca.
Alguén; quizais.
Trúncao.
Algo, tal vez…
réndese ó que non escolle.
Inténtao, si.
Busca.
Alguén; quizais.
Ocúltao.
Algo, tal vez…
e así é como se encolle.