ll Concurso Literario -13- a nena que non tiña bochechas

PSEUDÓNIMO: Dixebra

CATEGORÍA: Relato

TÍTULO: A nena que non tiña bochechas

Nunha terra onde imperaba o verde, os nenos medraban fortes e sans coma carballos e unha bágoa percorría o rostro dunha cativa, agromaba dos seus ollos de cor da améndoa e esbaraba cara o seu queixo reflexo do seu queixume, do seu laio, do seu choro.

Nesa fermosa terra verde a meniña non era feliz. Os demais cativos mofábanse dela “Ah, mirade, a nena que non ten bobochechas!” dicían, e ela sentiase mal. Todos os demais nenos tiñan bochechas, e nariz, e ollos, e orellas, e lingua… ela tiña ollos cos que ollar nun espello as súas orellas, o seu nariz e a súa lingua, pero por máis que movera o espello ou se movera ela nada, non había maneira, seguía sen ter bochechas….

A súa nai dicíalle que non se preocupara, que as bochechas non eran importantes, mais para ela si que o eran, era o único que verdadeiramente quería ter e non tiña… o seu tesouro da fin do arco da vella, a súa maior arela…

Un día chegou a esa terra unha nena que non tiña lingua… A nena que non tiña bochechas comprendeu entón que había persoas ás que lle faltaban cousas máis importantes que as bochechas, e fíxose axiña amiga súa e, mediante debuxos, a nena sen bochechas puido saber que a súa nova amiga arrebataranlle a lingua cando era moi pequeniña, que ela quería recuperar a lingua para saber que se sentía, mais que ela soa non era capaz… A nena sen bochechas propúxose axudala e pasiño a pasiño foille ensinando cousas da súa lingua… Ata que un día a nena sen lingua acertou a dicir “ola!”, e ao día seguinte logrou dicir “quero leite”, e ao seguinte preguntoulle a súa avoa “ onde está a cadeliña, avoa?” e unha bágoa percorreu o rostro da avoa agromando dende os seus velliños ollos e esbarando cara o seu queixo, reflexo da súa felicidade, da súa ledicia, da súa alegría. E por fin alcanzou a dicir “ vai no xardín” cando a nena sen bochechas apertou a nena (agora) con lingua e do leda que estaba as bochechas inflaronselle para sempre nun sorriso.

A súa amiga recuperara ese gran tesouro que é a lingua, e ela, por fin leda naquela verde e fermosa terra, recuperara as bochechas, xa non eran a nena sen bochechas e nena sen lingua, eran Uxía e Lúa.

WordPress Themes