III Xeiras dos Comités

Noticia de    duvi.uvigo.es

Por terceiro ano consecutivo, as Xeiras sobre a Lingua Galega ofrecen a partir de mañá mércores un foro de debate e discusión no campus de Vigo arredor da situación do galego en eidos tan diversos como as artes, os medios de comunicación ou a cultura en xeral. Con esta iniciativa, a organziación estudantil Comités trata de denunciar as eivas dos procesos de normalización e demandar o dereito a vivir e estudar na lingua propia do país. “A idea é debate arredor á normalización da lingua galega, promovendo o seu emprego como idioma oficial da Galiza e da Universidade de Vigo”. Iago Varela, responsable dos Comités en Vigo, explica que “reivindicamos o dereito a vivirmos e galego e, como estudantes que somos, demandamos un ensino en galego”.

Ao longo de tres xornadas, dende o mércores e ata o venres, os máis de 200 inscritos, que esgotaron as prazas de matrícula nesta terceira edición, poderán asistir a máis de dez mesas redondas coa participación de destacados persoeiros como a eurodeputada Ana Miranda, “un exemplo de conciliación da vida laboral e familiar en Bruxelas e principal canalizadora de todas as reivindicacións lingüísticas a nivel europeo”. Varela destaca tamén a actuación de Cándido Pazó, “un dos monologuistas máis aclamados a día de hoxe do panorama galego”.

A resposta que esta actividade está a acadar entre a comunidade universitaria demostra que “as Xeiras se teñen consolidado como un evento destacado do calendario da Universidade de Vigo e amosa que o galego ten futuro e coñecer experiencias positivas animará a que cada vez máis xente o empregue”.

Un programa aberto ao debate

O programa fai un repaso pola situación lingüística en diversos eidos mantendo a estrutura de edicións anteriores, “pero procuramos ano a ano introducir novas temáticas” apunta o responsable dos Comités. Entre os relatorios, os organizadores subliñan principalmente tres mesas redondas, unha centrada no galego no exterior, na que participa a propia Ana Miranda, “porque entendemos que as comunidades galegas no exterior están a desenvolver un traballo interesante a prol da lingua e da cultura galega, algo que asemella complicado estando lonxe da Galiza”.

Outra das mesas destacadas estará centrada no teatro, un dos eidos culturais nos que o galego está máis presente. “Con esta mesa queremos dar a coñecer o feito de que a meirande parte das compañías de teatro galegas profesionais fan exclusivamente obras en galego”, apunta Iago Varela. O terceiro dos foros de debate que subliña o responsable dos Comités afondará na aposta do galego como marca de identidade, unha mesa coa que queremos pór fin á crenza de que co galego non se vai a ningún sitio”. Para isto contarán con empresas tan destacadas como R, Terras Gauda e Caramuxo, “para amosar que o noso idioma vende e pode se sinónimo de calidade”.

O programa complétase con mesas de debate sobre a literatura galega contemporánea, sobre o galego nos movementos sociais, un debate sobre o sector audiovisual, outro sobre a música do país, un sobre o deporte galego e outro sobre a ciencia feita en galego, así como un debate sobre as experiencias dos neofalantes.

As xornadas poderán seguirse a través de internet na web das Xeiras, grazas á colaboración de UVigoTv, tras o bo resultado que esta iniciativa audiovisual recolleu na pasada edición e que permite multiplicar a difusión da mensaxe.

WordPress Themes