BILLARDA

Os membros da asociación Trabalingua, coa finalidade de difundir este xogo tradicional, organizamos a presente exhibición e campionato de billarada no CUVI.

A billarda é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos.  Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible

Podedes atopar máis información aquí:

DÍA: Mércores 2 de marzo de 2011

LUGAR: Pistas de tenis (CUVI), ao lado do pavillón

HORA: De 16:00 a 19:00

INSCRICIÓN: 0 €  (non ten trampa)

PREMIO CAMPIONATO: 50 €

PROGRAMA DA ACTIVIDADE

-Explicación por parte de dous membros da LNB (Liga Nacional de Billarda) das regras e forma de xogar á billlarda.

-Xogos amistosos entre os asistentes.

-Campionato entre os asistentes (o gañador levará 50 €).

Se se pode deixar aquí un comentario confirmando asistencia (para facernos unha idea da xente que irá):

ACTIVIDADE SUBVENCIONADA POLA UNIVERSIDADE DE VIGO – EXTENSIÓN UNIVERSITARIA

ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN TRABALINGUA

COLABORAN: DEPORTES-UVIGO. LNB (O VARAL)

Comeza o II Concurso Literario

Un ano máis, Trabalingua convoca o presente Concurso Literario coa finalidade de dar a coñecer os novos talentos galegos no eido da literatura.

O éxito de participación no primeiro concurso e a calidade dos textos que se presentaron animáronnos a organizar outra vez máis un concurso literario co que pretendemos:
-Estimular ás mozas e mozos galegos para que escriban textos literarios en galego.
-Dar a coñecer estes novos escritores.
-Que os lectores do noso blogue desfruten cos relatos e poemas que outros mozos escribiron.

Hai dúas categorías: unha de poesía e outra de relatos curtos. Cada unha delas ten un premio en metálico de 50 € (fronte ao único premio de 50 € que houbo o ano pasado). Non existe límite de textos por participante e os textos non poderán superar as tres páxinas. Todos os poemas e relatos recibidos iranse publicando no blogue trabalingua.blogaliza.org xunto co pseudónimo do autor.

As bases completas pódense ler en trabalingua.blogaliza.org/concurso/

Anímate e participa!

III Xeiras dos Comités

Noticia de    duvi.uvigo.es

Por terceiro ano consecutivo, as Xeiras sobre a Lingua Galega ofrecen a partir de mañá mércores un foro de debate e discusión no campus de Vigo arredor da situación do galego en eidos tan diversos como as artes, os medios de comunicación ou a cultura en xeral. Con esta iniciativa, a organziación estudantil Comités trata de denunciar as eivas dos procesos de normalización e demandar o dereito a vivir e estudar na lingua propia do país. “A idea é debate arredor á normalización da lingua galega, promovendo o seu emprego como idioma oficial da Galiza e da Universidade de Vigo”. Iago Varela, responsable dos Comités en Vigo, explica que “reivindicamos o dereito a vivirmos e galego e, como estudantes que somos, demandamos un ensino en galego”.

Ao longo de tres xornadas, dende o mércores e ata o venres, os máis de 200 inscritos, que esgotaron as prazas de matrícula nesta terceira edición, poderán asistir a máis de dez mesas redondas coa participación de destacados persoeiros como a eurodeputada Ana Miranda, “un exemplo de conciliación da vida laboral e familiar en Bruxelas e principal canalizadora de todas as reivindicacións lingüísticas a nivel europeo”. Varela destaca tamén a actuación de Cándido Pazó, “un dos monologuistas máis aclamados a día de hoxe do panorama galego”.

A resposta que esta actividade está a acadar entre a comunidade universitaria demostra que “as Xeiras se teñen consolidado como un evento destacado do calendario da Universidade de Vigo e amosa que o galego ten futuro e coñecer experiencias positivas animará a que cada vez máis xente o empregue”.

Un programa aberto ao debate

O programa fai un repaso pola situación lingüística en diversos eidos mantendo a estrutura de edicións anteriores, “pero procuramos ano a ano introducir novas temáticas” apunta o responsable dos Comités. Entre os relatorios, os organizadores subliñan principalmente tres mesas redondas, unha centrada no galego no exterior, na que participa a propia Ana Miranda, “porque entendemos que as comunidades galegas no exterior están a desenvolver un traballo interesante a prol da lingua e da cultura galega, algo que asemella complicado estando lonxe da Galiza”.

Outra das mesas destacadas estará centrada no teatro, un dos eidos culturais nos que o galego está máis presente. “Con esta mesa queremos dar a coñecer o feito de que a meirande parte das compañías de teatro galegas profesionais fan exclusivamente obras en galego”, apunta Iago Varela. O terceiro dos foros de debate que subliña o responsable dos Comités afondará na aposta do galego como marca de identidade, unha mesa coa que queremos pór fin á crenza de que co galego non se vai a ningún sitio”. Para isto contarán con empresas tan destacadas como R, Terras Gauda e Caramuxo, “para amosar que o noso idioma vende e pode se sinónimo de calidade”.

O programa complétase con mesas de debate sobre a literatura galega contemporánea, sobre o galego nos movementos sociais, un debate sobre o sector audiovisual, outro sobre a música do país, un sobre o deporte galego e outro sobre a ciencia feita en galego, así como un debate sobre as experiencias dos neofalantes.

As xornadas poderán seguirse a través de internet na web das Xeiras, grazas á colaboración de UVigoTv, tras o bo resultado que esta iniciativa audiovisual recolleu na pasada edición e que permite multiplicar a difusión da mensaxe.

WordPress Themes