Obradoiro de BeatBox

Queres aprender beatbox ou mellora-las túas técnicas da man dun dos mellores do panorama galego?

Pois atrévete e apúntate ó obradoiro de beatbox que organizamos dende Trabalingua con Gendebeat! Será o xoves 26 de xaneiro ás 16:30 na sala 4 do Edificio Miralles.

Aínda non coñeces a Gendebeat? Évos un cantante de reggae-ragga en galego e un dos pioneiros do beatbox en Galicia. Os seus obradoiros consisten nunha sesión de hora e media na que aprenderedes aspectos da historia musical nun percorrido que irá dende a percusión vocal que practicaban as culturas máis tradicionais ata o beatbox dos movementos urbanos máis actuais. Despois, iredes descubrindo os trucos necesarios para imitar distintos instrumentos coa boca así como as técnicas para unha correcta execución dos ritmos.

E para aqueles que aínda están indecisos… vai un empurronciño! Botádelle un ollo a isto!

VEÑA, ATRÉVETE E APÚNTATE! É DE BALDE!

SÓ TES QUE ENVIÁRNO-LOS TEUS DATOS A asociaciontrabalingua@gmail.com

Trasnada 11.1 punto de encontro para tradutores de software libre

A Asociación Proxecto Trasno organiza mañá sábado a Trasnada 11.1.

A trasnada é o evento que reune aos tradutores de software libre ao galego. Celebrado por primeira vez en Ordes e despois outra vez na cidade das Burgas, desta volta a súa terceira edición celebrase na cidade olívica. Alí daremonos cita para fixar terminoloxía e expor ao público o noso traballo.

 

En que consiste?

 

A trasnada serve de punto de encontro para tradutores de software libre, aqueles que traballamos baixo o paraugas do Proxecto Trasno. O evento serve de sesión de traballo. Estando enfocados en producir calidade, o tema de debate fundamental será a terminoloxía no ámbito da tradución. Por outra banda, serve de escaparate ao público que queira coñecer o proxecto, a xente que o conforma e como punto de aprendizaxe para todos os interesados en colaborar na localización.

 

Cando e Onde?

 

A trasnada 11.1 terá lugar este 12 de Novembro nunha sala cedida por Amigos da Terra, na Cidade de Vigo, rúa Policarpo Sanz, 17, na entreplanta, xusto en fronte do Centro Social de Novacaixagalicia.

+info: http://www.trasno.net/trasnada111

Cafés-teatro científicos

GOZA DA CIENCIA DUNHA FORMA DIFERENTE este venres 4 de Novembro ás 20:30 horas na cafetaría “ Tras do Marco” en Vigo.

Que son os cafés-teatro científicos?

Un grupo de docentes da Universidade da Coruña importou hai uns anos a fórmula do café científico de tradición anglosaxoa, e adaptouna á cultura galaica.
Os cafés científicos comezaron a desenvolverse en Galicia na Semana da Ciencia de 2006. Nese ano o persoal investigador do grupo NEUROcom, Casto Rivadulla e Xurxo Mariño, puxeron en funcionamento esta iniciativa co obxectivo de achegarlle o coñecemento científico a todo o mundo, dun xeito atractivo e divertido mais sen perder o rigor.
En palabras do propio Xurxo Mariño: «O noso espírito é de emboscada. En lugar de pedirlle á xente que veña vernos, imos nós a un bar popular e céntrico onde sempre hai xente».

En Vigo estarán Castro Rivadulla Fernández (Profesor da UDC), Pablo Arias Rodríguez (Investigador Grupo de Neurociencia) e César Goldi (actor)  falando sobre o cerebro. Agardámoste!

Os Cafés-teatro científicos tamén se realizarán en:
-Ourense – Xoves 17 de novembro – Cafetaría Auriense – 21.00 h
-Pontevedra – Xoves 10 de novembro – Pousada Indiana – 21.00 h

Organizan:
-Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo
-Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo
-Asociación Trabalingua

Trabalingua no curso novo

Comeza o curso 2011-2012, para uns é unha volta á Universidade e para moitos outros, estudantes de 1 trátase do comezo dunha nova vida, nunha nova cidade, nun novo ambiente.

Se ves para Vigo preocupado pola situación da lingua galega e queres facer actividades para lograr a normalización da nosa lingua en todos os ámbitos da nosa sociedade, Trabalingua é o teu lugar. Aquí atoparás mozas e mozos coma ti, que decidiron compartir parte do seu tempo  libre para organizar e participar en diferentes actividades culturais, deportivas, reivindicativas…

Algunhas das actividades que fixemos nos  últimos anos pódelas ver AQUÍ:

Se queres colaborar con esta asociación ou queres ter máis información envía un correo a  asociaciontrabalingua@gmail.com

Ou busca “Asociación Trabalingua” no tuenti e/ou no facebook.

Fallo do II Concurso Literario

Boa tarde a todos e todas!!

Xa temos gañador do II Concurso Literario! E o gañador é…  Aníbal Ucha, creador das tres obras premiadas:

Categoría de relato: Unha estrada a ningures

Categoría de poesía: Estar sen Alicia e cousas marabillosas ou tristes vistas a través do vidro ou ao devolvérenas os espellos

Accésit na categoría de poesía: Visións manuelantoniás

Parabéns para o noso gañador e moitas grazas a todos e todas os participantes!

Podedes ler todos os textos do concurso nas seguintes ligazóns de googledocs:

https://docs.google.com/viewer?a=v&pid=explorer&chrome=true&srcid=0B2zHx_-Uzn3fMDk3ZTYyNzItODVjYi00NWZlLWE4YTQtZGI1NmI3YTk5NGE1&hl=en_US

https://docs.google.com/viewer?a=v&pid=explorer&chrome=true&srcid=0B2zHx_-Uzn3fNDBiZWNmZTAtYTk3MS00MzMxLTk3NzctNWFjNDliY2I0OGQ4&hl=en_US

Certificados de asistencia ás Xornadas

Xa están listos os certificados acreditativos de asistencia ás Xornadas sobre música e o audiovisual galegos organizadas por Trabalingua.

Podedes pasar a recollelos esta próxima semana en:

Luns 23, de 13:00-14:00h xunto á fotocopiadora de Teleco (biblioteca de Minas)

Martes 24, de 12:00-13:00h na Facultade de Filoloxía e Tradución, no pavillón central (ao lado da copistaría)

Entrega de Diplomas das Xornadas

Ola!
Queriamos informar aos que viñestes ás Xornadas que os diplomas están na vicerreitoría. Tan pronto como estean firmados xa vos confirmamos dúas datas para ir a recoller o voso diploma.
Saúdos

II Concurso literario -37- Chove fóra

PSEUDÓNIMO: Ceibe

CATEGORÍA: relato

TÍTULO: Chove fóra

Chove fóra. Érgome da cama e deixo de sentir a túa calor. Achégome á ventana e abro as contras. Fai un día gris, os cristais están empañados e fóra pode entreverse o verde húmido das montañas.

Vou á cociña e prendo a lareira. Poño o leite a ferver. Ó pouco baixan  as nenas con cara de sono e con ganas do almorzo. Vístense con  moita ledicia ó pé do lume. E á hora de sempre, pasa o bus que as leva para o colexio.

Chove fóra . Hoxe o traballo podo agardar . Volvo ó teu carón.

II Concurso Literario -36- Compañeiros

PSEUDÓNIMO: Ceibe

CATEGORÍA: poesía

TÍTULO: Compañeiros

Ceibe te criaches,
ceibe é o teu sentir,
ceibe é o teu cabilar,
ceibe é o teu ollar.

Ceibe te coñecín
e ceibe te quero.

II Concurso Literario -35- A vida

PSEUDÓNIMO: Inefábel

CATEGORÍA:

TÍTULO: A vida

A vida

Para que a vida nos sorría é preciso facérmoslle cóxegas.

WordPress Themes