Galeoke: a música que levas dentro

Aínda non sabes que agasallar polo Nadal? Trabalingua faiche unha suxerencia: regala o GALEOKE! O Galeoke é un xogo de karoke onde acumulas puntos emulando o cantar dos teus artistas galegos favoritos.

Máis información: http://galeoke.com/

Puntos de venda: toupa.net

Exitazo a presentación de Jorge Mira

Noticia sacada do duvi:

O profesor da USC presentou o seu libro na Facultade de Ciencias Experimentais

Jorge Mira proba que a ciencia sábeo todo

O físico galego máis mediático mostra con humor e desenfado a versión científica das cousas cotiás

O seu primeiro éxito chegoulle por calcular xunto a un compañeiro de universidade a temperatura do ceo e do inferno. Eles estaban de broma, pero a comunidade científica tomouse os seus números moi en serio. Enviaron o artigo a unha revista de certa sona e viron con moita ledicia como saía publicado. O que non esperaban era a chamada uns días despois dun xornal de Canadá que quería levar o tema a portada. “Foi aí cando nos demos conta de que en Estados Unidos dáselle moita importancia a todo o que ten que ver co creacionismo. Incluso chegaron a preguntarlle por nós ao equivalente ao ministro de Ciencia e Tecnoloxía na época de George Bush pai porque fixera algún estudo parecido”, rememorou Jorge Mira, profesor da Universidade de Santiago e autor do libro A ciencia no punto de mira, que presentou este xoves no Edificio de Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo.

Iso foi hai xa 12 anos. A partir de aí o físico galego máis mediático comezou a interesarse por toda a literatura científica que non estaba ao alcance da cidadanía pero que trataba temas raros ou da vida cotiá das persoas. “A xente necesita que lle acheguen unha cousa suave, agradecida. Os artigos eran complicados, profesionais, indixeribles para os profanos no tema. Grazas aos meus compañeiros aprendín a quitarlle os accesorios e a quedarme co tronco e así foi como comecei a contar estas pequenas curiosidades na radio”, explicou o presentador do concurso Cifras e letras xunto a Yolanda Castaño e Paco Lodeiro.

A súa obra é unha compilación de temas estudados por universidades e revistas científicas de todo o mundo, dos descubrimentos dos grandes xenios repasados a través de exemplos prácticos, un libro que explica con sinxeleza, humor e desenfado narrativo cousas relacionadas co sexo, o deporte, a antropoloxía, a política, a historia… e por suposto a física. Ao longo das súas páxinas o público pode aprender dende por que a beleza ten base evolutiva ou que fai que as mulleres que non comen produtos animais teñan cinco veces menos posibilidades de ter xemelgos. Na súa publicación achega respostas incluso ao feito de que as mulleres preferiran homes con faccións femininas, que os homes se decanten por mulleres con cadeiras anchas ou por que os grandes bebedores poden diminuír ata un 80% a posibilidade de sufrir cirrose se tamén consumen moito café.

Facer ciencia en galego

Organizada pola asociación de estudantes Trabalingua, con esta presentación pretendíase demostrar que “ademais de moi boa literatura, música e audiovisual en galego, tamén se pode facer ciencia no noso idioma. Este libro ten que servir de exemplo a toda a comunidade universitaria galega para que vexan que se pode chegar moi lonxe con esta lingua”, asegurou Rosa Varela, membro da asociación.

En galego e en castelán “para abrir o mercado máis alá das nosas fronteiras”, o libro está editado por Auga Editora dentro da colección Saber +. Foi un dos seus responsables, Xosé Antón Perozo, o que deu o empurrón definitivo a Mira para escribir o libro hai dous anos, cando se puxo en marcha a editorial. Perozo coñeceuno hai oito anos, cando ía no coche coa radio posta e escoitou “ao que me pareceu un home maior falando da ciencia do cotiá de xeito interesante para o cidadán de a pé”. Despois de moitos faladoiros radiofónicos compartidos, a amizade que creceu entre eles rematou neste libro “que está a funcionar moi ben. Pero non ten mérito: falar con Jorge e aprender é case a mesma cousa”.

Presentación ” A ciencia no punto de Mira”

Presentación do libro de Jorge Mira, o xoves 16 de decembro as 17 horas no salón de actos da facultade de ciencias.

Jorge Mira é profesor de física na Universidade de Santiago de Compostela, aínda que tamén é moi coñecido por ser presentador do programa da galega “Cifras e letras” .

SORTEARANSE DOUS EXEMPLARES DO LIBRO ENTRE OS ASISTENTES!!!!

WordPress Themes