Concurso LXI. O mofo dos segredos

PSEUDÓNIMO: Ameixeira
CATEGORÍA: Relato
TÍTULO: O mofo dos segredos

Fotografía: José Cendón. Hospital Psiquiátrico. Burundi (África)

Gustaríame saber por que estou aquí, por que cada vez que esperto polas mañás non entra a luz do sol pola fiestra. Esa fiestra pola que foron escapando todos os meus soños e lembranzas. Porque todo o que sae por ela nunca volve. Porque por ela marchou todo o que fun e todo o que serei.

Teño medo a non saír nunca de aquí, medo a que os meus ollos non expresen máis que a escuridade destas catro paredes contra as que loitei tantas e tantas veces para que me deixaran saír. Porque eu sei que elas me observan e me torturan coa mirada. Porque eu ben sei que foron elas as que me ataron e me castigaron. Soltádeme, soltádeme xa.

Silencio. Nin un só ruído, nin unha soa palabra. Simplemente silencio. Silenciosa dor, silencioso medo, silenciosa agonía. Berro sen voz, choro sen bagoas, chove sen chuvia, chove soidade.

Polas paredes esvaran as bágoas do ceo, mentres do teito emerxe o mofo dos segredos.

Morro cada segundo e a cada minuto sufro máis que no anterior. Algún día ficarei queda para sempre nesta sombría soidade, mentres cada recuncho deste lugar se converte no meu propio cadaleito. A miña morte non significará nada porque non son ninguén. O momento no que morra será coma calquera outro momento do día e o meu derradeiro alento importará tanto como calquera dos segundos deste minuto.

O pranto pola miña vida rematou fai anos e a semente dos meus pensamentos non deu máis que bágoas e lamentos. Hai tempo que se baleirou a miña alma e que meu corazón deixou de latexar. Simplemente non existo, son como un obxecto máis desta habitación. Non como. Non bebo. Non sinto. Non vivo.

WordPress Themes