Concurso LXI. O mofo dos segredos

PSEUDÓNIMO: Ameixeira
CATEGORÍA: Relato
TÍTULO: O mofo dos segredos

Fotografía: José Cendón. Hospital Psiquiátrico. Burundi (África)

Gustaríame saber por que estou aquí, por que cada vez que esperto polas mañás non entra a luz do sol pola fiestra. Esa fiestra pola que foron escapando todos os meus soños e lembranzas. Porque todo o que sae por ela nunca volve. Porque por ela marchou todo o que fun e todo o que serei.

Teño medo a non saír nunca de aquí, medo a que os meus ollos non expresen máis que a escuridade destas catro paredes contra as que loitei tantas e tantas veces para que me deixaran saír. Porque eu sei que elas me observan e me torturan coa mirada. Porque eu ben sei que foron elas as que me ataron e me castigaron. Soltádeme, soltádeme xa.

Silencio. Nin un só ruído, nin unha soa palabra. Simplemente silencio. Silenciosa dor, silencioso medo, silenciosa agonía. Berro sen voz, choro sen bagoas, chove sen chuvia, chove soidade.

Polas paredes esvaran as bágoas do ceo, mentres do teito emerxe o mofo dos segredos.

Morro cada segundo e a cada minuto sufro máis que no anterior. Algún día ficarei queda para sempre nesta sombría soidade, mentres cada recuncho deste lugar se converte no meu propio cadaleito. A miña morte non significará nada porque non son ninguén. O momento no que morra será coma calquera outro momento do día e o meu derradeiro alento importará tanto como calquera dos segundos deste minuto.

O pranto pola miña vida rematou fai anos e a semente dos meus pensamentos non deu máis que bágoas e lamentos. Hai tempo que se baleirou a miña alma e que meu corazón deixou de latexar. Simplemente non existo, son como un obxecto máis desta habitación. Non como. Non bebo. Non sinto. Non vivo.

Concurso LX. Proposición

PSEUDÓNIMO: Paulatinamente
CATEGORÍA: Relato
TÍTULO: Proposición

Hoxe propóñovos unha vida diferente, unha vida na que os días pares tomamos muffins de chocolate entre horas e os impares empanadillas de xamón e queixo. Na que a hora do té convértese na hora da coca-cola sen cafeína. Na que o arco iris son aínda máis arco iris. Na que os peixes nadan no aire. Na que non hai que estudar, métesche un pendrive por un orificio nasal e xa tes toda a información asimilada no teu inquietante cerebro. Na que os vitrasas corren cara a ti, son eles os que te perden a ti, non ti a eles. Na que se vas cortarche as puntas na barbaría córtanche de menos. Na que os antivirus actualízanse sós. Na que o cola-cao en leite frío non ten grumos. Na que os luns non son tan luns. Na que hai reloxos dixitais que pairan o tempo. Na que o sol bébese a choiva e sempre fai bo dia. Na que sen lentes ves ben e con elas postas tes miopía.Na que os esquimales déixanche un oco no seu iglú cando apetéceche desconectar da vida da cidade.

E ti, pequeno cidadán deste mundo tes oído, gusto, tacto, olfacto, vista e un magnífico cerebro que che deixa pensar, e aínda mellor, soñar.

E eu pregúntome… a que estás a esperar? sácate partido, come o mundo.

WordPress Themes