Concurso LIII. Amor de inverno

PSEUDÓNIMO: Coco
CATEGORÍA: Relato
TÍTULO: Amor de inverno

Oes un tictac monótono no corredor e, cos ollos pechados na escuridade da noite bretemosa, tentas imaxinar os seus pés movéndose na dirección da habitación. Tic, tac, tic, tac… pero os pasos óense cada vez máis lentamente, e nunca chegan as pegadas do reloxo á túa cama. Paralízase o seu movemento, xunto co tempo, e o agarimo da súa man disolveuse no aire frío dun soño, do que espertas co cucú da medianoite. E queres saber cánto tempo levas espertando co cuco dun reloxo inexistente, do que oes perfectamente como marca os segundos. Eses segundos tan longos, feitos de fango, molestos, pesados, pegañentos, asfixiantes. Segundos que desprenden un insoportable bafo a augardente de mala taberna, imposibles de dixerir, quedando na gorxa, queimando e levando bágoas ós ollos. Bágoas de cristal, cravadas nas pálpebras e na retina; cravadas no pensamento e no corazón. En todo o teu corpo, menos na man coa que escribes cartas á felicidade, preguntándolle por qué e cándo marchou, preguntándolle, ou preguntándote, se volverá algún día. Pero non obtés máis resposta que o inquedante rumor da mirada dun mar de verán que te fita baixo un ceo que anuncia treboada. Ese mar tensamente tranquilo de mañá de campamento dos quince anos, cando non te importaba bañarte baixo a chuvia. Pouco a pouco, o desafío da auga convértese en noite, e o faro da illa devólveche o desesperante tictac dun corazón parado hai moito tempo. E un vento formado de palabras, sentimentos e monotonía envólvete nun terror e desconcerto coma os que sentiu Alicia cando caeu por un buraco ao mundo real.

WordPress Themes