Concurso LIX. A sorte
PSEUDÓNIMO: Quen Tiqueiras
CATEGORÍA: Relato
TÍTULO: A sorte
Era unha fría noite de inverno, e a xente ía máis abrigada que nunca. Sen embargo, a el semellaba non importarlle. Seguía alí plantado, impasible, en mangas de camisa. O forte vento obrigáballe a balancearse para manter o equilibrio no alto daquel impoñente edificio acristalado.
Ía descalzo, e os dedos dos seus pés estaban dobrados sobre o borde de cemento, nun intento desesperado de evitar ese máis que precipitado final.
O seu rostro irradiaba serenidade, e a súa mirada perdíase entre a xente, alá abaixo.
As conversacións daqueles estraños, a maioría novos e despreocupados, chegaban distorsionadas aos seus oídos.Todos esperaban atopar diversión, esperanza naquel edificio onde as luces, as cores e os berros inundaban o ambiente, quizais un tanto atemporal. Un edificio onde el, máis ben cedo que tarde, o acabara perdendo todo.
Todos estaban seguros de cruzar aquelas portas coa fortuna do seu lado. El estaba seguro de que, igual que lle sucedera a el mesmo anos atrás, nas mentes daqueles descoñecidos se repetía unha e outra vez a mesma frase: “Eu teño sorte”. Todos estaban seguros diso. En cambio, co primeiro xiro da ruleta a situación cambiaba. Os roles quedaban invertidos. A partir dese momento, ¿es ti quen ten sorte, ou é a sorte a que te ten a ti?
A día de hoxe, el seguía sen sabelo. Por iso, quizais, estaba agora nesa situación.
Para poñer fin ao desacougo, ou se non ao desacougo, polo menos á dor, ao tormento, á decepción, e sobre todo, ao sufrimento dos que o querían.
Cerrou os ollos e respirou profundamente, revivindo na memoria unha infancia malvivida e tamén desaproveitada.
Recordou que cando era neno estaba convencido de ter súper poderes.
Estaba completamente seguro de que si o intentaba, voaría.
Desafortunadamente, as continuas reprimendas da súa nai fixeron que nunca chegara a confirmalo, e agora, só naquela azotea, a situación presentábaselle como a mellor para averigualo.
Se o conseguía, volvería á casa con algo do que a súa familia se podería sentir orgullosa, en lugar da vergonza habitual. Se non, tan só acabaría co sufrimento. Co propio, e co dos seus.
Sería a primeira vez en moitos anos que fixera algo bo pola súa muller e os seus fillos.Pasara o que pasara, todos ían saír gañando.
Entón, inspirou profundamente e saltou.
Saltou cara o frío vento da noite, cara os soños rotos, o pranto da súa familia, una enfermidade mal curada, unha ludopatía non admitida. Saltou cara o descanso, cara a morte. Saltou cara o final.