Concurso XXXVI. Vémonos no Inferno

PSEUDÓNIMO: AMANEMISA
CATEGORÍA: Relatos
TÍTULO: Vémonso no Inferno

Querido Alberto:
Levo pechada entre estas catro húmidas paredes cinco anos, aínda que ó meu parecer xa pasou toda unha vida.

Non atopo nada para matar o tempo que camiña paseniño na miña contra. O único que devolveu algo de esperanza á miña vida é a túa correspondencia puntual mes a mes., xa que dende a túa última carta non lle deixo de dar voltas a como respostar a túa insistente pregunta: “¿Cómo un anxo coma ti, puido acabar en prisión acusada de asasinato?”

Ano 1969. Eu era unha adolescente de 17 anos, un tanto introvertida, que vivía nun barrio calquera, cun traballo calquera: camareira nun bar de vida nocturna e moral despistada. Non era o mellor entorno para unha rapaciña demasiado inocente.

Unha noite apareceu polo local un estudante de empresariais, Rodrigo. Estivemos falando toda a noite ata finalizar o meu turno. Non me chamou a atención o seu físico de atleta, nin os seus ollos escuros como o ébano, senón que fora o único home que non intentara aproveitarse de min e da miña inocencia.

Era un rapaz cun bo porvir e promesas dun futuro exitoso. Pero o máis importante nel era a súa dozura, a capacidade de escoita e a facilidade para facer sentir aos demais no cumio do mundo.Conseguía espertar en min sentimentos que eu pensaba estaban durmidos, e , por primeira vez na miña vida, logrei confiar cegamente nun home. Cada vez que estaba con el, notaba unha calor que comezaba no meu corazón e se prolongaba ata máis aló do meu van.

Unha noite saímos cedo do bar. As nubes enfurecidas descargaban con forza e o frío xeaba os pulmóns de todo aquel que ousaba respirar. Estabamos empapados e Rodrigo dixo que non permitiría que me presentara nese estado na miña casa. Invitoume, entón, ao seu apartamento de solteiro co fin de drenar toda a auga do meu corpo antes de regresar ao fogar familiar. Non sei se foi que estabamos tan mollados ou que eramos dous adolescentes coas hormonas a flor de pel, o certo é que non puidemos refrearnos e acabamos facendo o amor no sofá. O noso suor camuflábase entre as pingas de chuvia que a nosa pel aínda non absorbera. Espertamos á mañá seguinte, secos e namorados. Todo era incrible, por fin tiña alguén con quen compartir a miña vida, un xove formal, respectuoso, atento…

Pero pouco durou a dita: quedei embarazada. Todas as nosas expectativas de futuro afundíronse a metros de profundidade no esquezo. Rodrigo tivo que deixar de estudar e comezou a traballar co seu pai. Así formamos unha familia: dous mozos de 17 e 19 anos respectivamente e un neno en camiño.Tanto Rodrigo como eu perdemos a alegría de vivir. Sei que el sempre me considerou a muller que arruinou a súa vida e creo que por iso perdeu todo o respecto e o aprecio que sentía cara min.
Ao nacer Lucas, recuperei esa pequena chama de esperanza que albergaba no meu interior e fixen a promesa de que se non loitaba por min, faríao polo meu neno da alma. En troques, Rodrigo, lonxe de alegrarse, non facía máis que maldicir e blasfemar tachando ao meniño de erro. Chegaba á casa cada vez máis tarde e máis bébedo.

Unha noite chegou e a cea estaba aínda sen preparar; púxose feito un basilisco e entón tiven o primeiro aviso: alzou a súa man e a marcou na miña cara, dándose conta inmediatamente do que acababa de pasar. Debín facer oídos xordos ás súas súplicas de perdón e abandonalo alí coa súa furia e o seu alcohol, pero a idea dunha nai solteira de 18 anos aterrábame máis que el e, decidín darlle outra oportunidade. Este foi o maior erro da miña vida.

Pensei que aquela insignificante labazada sería a primeira e a última, mais non foi así. Cada vez eran máis frecuentes os insultos, as malleiras, a xenreira, ata unha vez chegou a violarme, froito do cal naceu o meu segundo fillo: Marcos. É incríbel como dun acto tan desprezábel podía saír unha criatura tan fermosa, que ademais chegaba no mellor momento. Precisaba saber que había algo polo que pagaba a pena seguir vivindo.

Durante anos intentei, cada vez máis inutilmente, disimular os meus moratóns perante os veciños que se limitaban a golpear a porta co fin de que o meu marido abandonara a súa violencia. Só unha veciña foi o suficientemente valente para miralo á cara e dicirlle que era un ruín. Pero fixo algo moito máis importante, pronunciar a frase que cambiaría a miña vida: “só ti podes acabar con isto.”

Estaba nunha espiral sen saída, a desesperación apoderábase de cada un dos meus actos. As malleiras estaban á orde do día e o meu feble corpo de muller comezaba a resentirse e deformarse. A miña cariña de anxo inocente tragáraa o tempo e moi lonxe quedaban xa aqueles anos nos que me gustaba vestirme con pantalóns axustados e prominentes escotes que deixaban entrever un corpo que definitivamente xa non era de nena.

Aos meus fillos de 4 e 15 anos tamén lles afectara. Cada vez sorrían menos, non xogaban, tampouco saían con outros rapaces da súa idade; así que un día deilles cartos e mandeinos ó cine ás agachadas do seu pai. Pero a película prolongouse máis do debido e cando chegaron Rodrigo xa estaba na casa. Aveciñábase unha treboada que parecía predicir o que ía ocorrer e a botella de vodka aparecera medio valeira( ou así a vía). Eu atopábame na cociña cando comezaron os berros e os golpes.

As bágoas esvaraban polas miñas meixelas e o balbordo na casa era enxordecedor: berraban os meus fillos, berraba Rodrigo, a tormenta que descargaba con forza e aquela frase que seguía na miña cabeza: só eu podía acabar con aquilo. Mirei cara o salón a través do cristal translúcido, como se a miña mente quixera deformar a dura realidade que tras del me agardaba, e vin como Marquiños caía sen sentido no chan. A súa cariña inocente permanecía imperturbábel e parecía non comprender o que lle estaba a pasar mentres aínda sostiña fortemente o seu peluche. O morado das súas fazulas fíxome sacar do meu interior unha coraxe tan grande que sentín que o mango do coitelo que suxeitaba se derretía na miña man. Ao achegarme ao comedor vin ao meu fillo maior que forcexaba co seu pai e non pareceu sorprendido ao ver que o seu agresor caía con 15 centímetros de aceiro nas entrañas. -Vémonos no inferno- díxenlle. Aquela foi a súa última malleira.

Cinco anos despois os nenos viven cos meus pais e eu… aquí estou, pechada coma un can, pois a resposta do xuíz a 15 anos de maltrato e desolación, ratificados polo testemuño ao meu favor de corenta e tantos veciños, ademais das innumerábeis marcas corporais, foron 15 anos de cadea para a asasina dun respectábel empresario local.

Espero ter dado resposta a esa pregunta que tanto te inquedaba.

Agardo novas túas. Ven verme. Búscame.

WordPress Themes