Concurso. XXXV. O tempo

PSEUDÓNIMO: Xoves
CATEGORÍA: Relatos
TÍTULO: O tempo

As súas mans entrelazábanse cos longos e louros cabelos dela e, a modo, moi a modo, ían deslizándose polo seu pescozo e os seus ombros, pálidos e suaves; inocentes. Os seus beizos seguían enredados, buscándose e atopándose na penumbra dunha noite estrelada dun verán de soños.

Clandestinamente, os seus medos e temores ían escapando, xunto con algunha que outra estrela fugaz que corría polo firmamento sen descanso, visitando un por un todos os recunchos daquela inmensidade que os observaba dende lonxe.
Lentamente, el estaba cada vez máis preto do seu ventre, despois, das súas pernas; sen apartar as mans un só intre, sen descanso, sen deixar ningún milímetro do seu corpo sen percorrer.

Os seus corazóns latían forte, moi forte e rápido, case a unha vez, tentando escapar dos seus peitos, prendidos con aquel lume que os envolvía. Aquel desexo que os embriagaba era imparable, acrecentándose veloz a cada segundo dun momento interminable.

Os sons da noite, suaves e doces, daban paso a unha vella canción dos anos cincuenta que soaba ó lonxe, quizais dalgún mozo baile que iniciaría un longo e esperado amor, ou quizais dalgún vello soñador que bailaba só ó compás das lembranzas dunha vida pasada de encontros e amores.

As mans movíanse máis veloces a cada centímetro, ansiosas por experimentar todas as emocións daquel corpo espido e inocente, puro e invencible naquel intre de paixón.
Temerosos, uns pequenos ollos dun azul inmenso como nunca, cun brillo especial que só durou un mísero segundo, o miraron, preguntando case en silencio, francos e inxenuos:

–    ¿Quéresme?

Sen resposta, cun simple sorriso e unha caricia sincera, el díxolle que si, só como el sabía facelo: sen falar.
E así, pouco a pouco, o tempo conxelouse para dar paso ós suspiros, ás miradas, ás caricias e ós bicos, namorados e con medo, con medo deses sentimentos prohibidos que tantas veces soñaran con poder mostrar só a esa persoa especial que se ama como ó primeiro amor.

Entre suspiros, estremecementos e latidos duns corazóns nerviosos, o tempo conxelárase só para eles, para uns xogadores principiantes naquilo do amor, que, inexpertos, tentaban amarse sen importar o demais, tratando de pensarse e sentirse a unha vez.

Ela, inocente; el, seguro de amala.

O sorriso, aquel sorriso; o seu sorriso. A mirada, só unha mirada; a súa mirada. Os bicos.. que bicos; só os seus bicos. Lento, moi, moi lento, mentres o seu amor non paraba de crecer ó ritmo dos latidos dos seus corazóns, deixaron de sentilo; o medo, a inocencia, o temor…
O tempo.

WordPress Themes