Concurso. XXXV. O tempo

PSEUDÓNIMO: Xoves
CATEGORÍA: Relatos
TÍTULO: O tempo

As súas mans entrelazábanse cos longos e louros cabelos dela e, a modo, moi a modo, ían deslizándose polo seu pescozo e os seus ombros, pálidos e suaves; inocentes. Os seus beizos seguían enredados, buscándose e atopándose na penumbra dunha noite estrelada dun verán de soños.

Clandestinamente, os seus medos e temores ían escapando, xunto con algunha que outra estrela fugaz que corría polo firmamento sen descanso, visitando un por un todos os recunchos daquela inmensidade que os observaba dende lonxe.
Lentamente, el estaba cada vez máis preto do seu ventre, despois, das súas pernas; sen apartar as mans un só intre, sen descanso, sen deixar ningún milímetro do seu corpo sen percorrer.

Os seus corazóns latían forte, moi forte e rápido, case a unha vez, tentando escapar dos seus peitos, prendidos con aquel lume que os envolvía. Aquel desexo que os embriagaba era imparable, acrecentándose veloz a cada segundo dun momento interminable.

Os sons da noite, suaves e doces, daban paso a unha vella canción dos anos cincuenta que soaba ó lonxe, quizais dalgún mozo baile que iniciaría un longo e esperado amor, ou quizais dalgún vello soñador que bailaba só ó compás das lembranzas dunha vida pasada de encontros e amores.

As mans movíanse máis veloces a cada centímetro, ansiosas por experimentar todas as emocións daquel corpo espido e inocente, puro e invencible naquel intre de paixón.
Temerosos, uns pequenos ollos dun azul inmenso como nunca, cun brillo especial que só durou un mísero segundo, o miraron, preguntando case en silencio, francos e inxenuos:

–    ¿Quéresme?

Sen resposta, cun simple sorriso e unha caricia sincera, el díxolle que si, só como el sabía facelo: sen falar.
E así, pouco a pouco, o tempo conxelouse para dar paso ós suspiros, ás miradas, ás caricias e ós bicos, namorados e con medo, con medo deses sentimentos prohibidos que tantas veces soñaran con poder mostrar só a esa persoa especial que se ama como ó primeiro amor.

Entre suspiros, estremecementos e latidos duns corazóns nerviosos, o tempo conxelárase só para eles, para uns xogadores principiantes naquilo do amor, que, inexpertos, tentaban amarse sen importar o demais, tratando de pensarse e sentirse a unha vez.

Ela, inocente; el, seguro de amala.

O sorriso, aquel sorriso; o seu sorriso. A mirada, só unha mirada; a súa mirada. Os bicos.. que bicos; só os seus bicos. Lento, moi, moi lento, mentres o seu amor non paraba de crecer ó ritmo dos latidos dos seus corazóns, deixaron de sentilo; o medo, a inocencia, o temor…
O tempo.

Concurso. XXXIV. Recordos olvidados

PSEUDÓNIMO: Fárenac
CATEGORÍA: Relatos
TÍTULO: Recordos olvidados

~ Recordos olvidados ~
Fai moito tempo que non ergo a cabeza. Día tras día consúmeme a fame, a sede e sobretodo a tristeza porque a miña muller, Laura, está con un home que a arrastra canda el co paso do tempo. Xa non teño forzas para loitar con este inimigo, é moito máis forte e poderoso ca min. Pero aínda así non me resigno a aceptalo.

Cando falo con ela parece non recordar os bos momentos que pasamos xuntos. As viaxes por Europa, as noites deitados nas rocas do río pedíndolle desexos ás estrelas… Toda unha vida xuntos e unha familia que enxendramos. Son moitos anos, anécdotas, recordos. ¿Porqué non se acorda de ningún?

Nas festas, aniversarios e cumpreanos ela xa non está connosco. Vive sumida nun soño onde só hai cabida para o seu novo amor. Da miña cabeza non se vai a idea de que a nosa familia a está perdendo. Non sei que facer. Que está nas miñas mans ou se estou perdendo o tempo intentando recuperala.

Pedín axuda a profesionais e tamén pedín conxellos ós meus amigos e todos din o mesmo. “Non hai volta atrás, deíxaa ir”. Pero non podo. O noso amor era moi grande, non quero que acabe así. Quero recuperala pero o que máis me atormenta é que teñen razón. Non hai volta atrás.

Esta mañá estivemos vendo as fotos da nosa boda, as dos nosos fillos, as de todalas viaxes… Recordos para os que non preciso imaxes pois están grabados na miña mente e tamén no meu corazón.
Pasei con lentitude as follas daquel álbum pero na súa cara non apareceu nin un albisco de emocións.
Linlle tamén os poemas e relatos que ela mesma escribira fai moitos anos. Laura tiña moito talento. Tódolos meses escribíame un poema e deixábamo entre as sabas para que cando despertara as súas palabras fixéranme seguir soñando. Sempre era na mesma data. O día no que as nosas vidas comenzaron a entrelazarse.
Tódalas súas obras tiñan algo en común. Non eran os nomes, nin as cidades, nin os sucesos. Era a esencia dos persoaxes. Éramos ela e máis eu. Martín e Laura. Laura e Martín. Os seus relatos contaban o noso amor. A nosa historia.

Laura seguía coa mente en branco mentres eu recitaba aqueles versos agora tinguidos de amargura. Miraba ó frente sen decir nada. Sen un esbozo de poder sentir algo. Nada. O único que choraba por dentro era eu.

Agora que o final empeza a acercarse teño medo de que Laura teña que irse desta casa e deixarme só. Aínda que non o permitiría, se tivera que irse iría con ela por moito que me doia irme do meu fogar pero sei ben que nunca poderei separarme dela.

Ese maldito home estame arrebatando a miña muller. O seu nome é Alzheimer. E non vai parar ata apresala para sempre.

Dende que soubemos que a enfermidade estaba no seu corpo todo comezou a dar voltas. Aínda que ela nunca perdeu o sorriso. Máis que por animarse ela, para que nós non nos derrubáramos.

Foi difícil distinguir os días bos dos malos porque sempre había algo polo que chorar un pouco máis. E a min xa non me quedan máis bágoas.

Os nosos fillos non entenden porqué fago isto. Intentar que a súa nai volva connosco. Os médicos recoméndanme levala a un centro onde estará mellor pero eles non entenden que non hai lugar onde esté mellor que non sea o seu fogar, aínda que xa o olvidara.

Hai veces que teño esperanzas e penso que os milagres existen pero son só segundos de recordos triviais que esfúmanse cun novo suspiro.

Agora mesmo terei que baixar a cabeza e desexar que todo remate pronto pois eu non poderei soportar esta dor por moito máis tempo. Cando ela se despida do mundo eu fareino con ela e será entonces cando volva comigo.

Laura está sentada nun rincón coa mirada desfeita e co seu sorriso eterno. Vana a levar dentro dus minutos uns médicos ó hospital. Ten na man un anel, a súa alianza. Está dándolle voltas cos seus dediños fráxiles mentres vou cara ela. Parece que non se da conta da miña presenza.
Cóllolle o anel con coidado de non asutala e míroo durante un momento. Ese anel significaba moito.
Sácome a miña alianza do dedo e xunto coa súa, cólgollas da cadea que reposaba no seu peito. A pesar do paso dos anos e a enfermidade Laura conservaba a súa hermosura. Os anxos non lle facían sombra.

Cando lle puxen a cadea no pescozo miroume e falou despacio e coas poucas palabras que recordaba:

“Non sei como te chamas, tampouco quen es. Pero non quero que te vaias. Quérote, dimo o corazón. “

Concurso. XXXIII. Lugar

PSEUDÓNIMO: Laime
CATEGORÍA: Relatos
TÍTULO: Lugar

LUGAR

Umha mulher olhava cara ao horizonte. Horizonte claro, azul ou rosado ou escuro, preto de tormenta. E, no entanto, meditava. Ela nunca saíra dali, daquele pequeno lugar, e por isso nom sabia por quê o céu mudava de cor. Os novos marchavam, e, se volviam, porque alguns ficavam ali aonde iam, sabiam-no, como sabiam muitas outras cousas. Os novos voltavam contando histórias de cidades douradas, de guerras e tratados de paz, de estrelas e doutros mundos, mundos em que as ilhas aboiavam no ar, em que moravam joaninhas enormes, ou hominhos pequenos, ou falcões com quatro asas, ou mesmo grandes lagartos voadores. A ela tanto lhe tinha se as luitas entre grandes nações começavam ou rematavam, se a ciência prosperava ou nom, se se descobriam outras civilizações. Tanto tinha, aquele lugar não mudava, aqueles rebanhos que pasciam na erva amamentada pola chuva teimosa. Os novos traziam-lhes soluções para a escassez, outros lugares aos que irem viver, urbes prósperas ou luas desconhecidas, lugares de riqueza e fartura. Mas eles estavam afincados naquela terra, a única terra que conheceram Os novos pensavam, nom se pode fazer nada com estes, forom ignorantes sempre e sempre o ham ser, quê saberám do que há aí fora, fora destes valados desdentados e destas eiras esgotadas. Tudo estava envelhecido ali.

A mulher ajoelhou-se a modinho e apanhou umha presada de terra. Observou-a em silêncio. Esses que voltavam, com os miolos tam cheios de sonhos afastados, de desejos doutro mundo, nom lembravam o nome dos pequenos vermes e toupeiras que viviam daquela terra, de cada um deles, como sabia ela. Também nom sabiam como acalmar as bestas. Nom lembravam já as velhas palavras, aquelas que davam nome a cada cova, a cada árvore, a cada classe de chuva ou de vento.

Cada ano morava menos gente naquele lugar antigo. Quase ninguém se ocupava já das bestas, nem de arranjar os telhados, nem de roçar a fraga. Uns porque estavam cansados de trabalhar tantos invernos e precisavam folgar. Outros porque já nom estavam. Chovia. A mulher começou a desandar o carreiro, de volta ao seu lar. O seu filho marchara quando era mui rapaz ainda, prometendo voltar. Isso fora dez anos e muitas cartas antes. A mulher pensou que havia algo de errado naquilo e deixou escorregar umha lágrima pola sua face enrugada.

WordPress Themes