Concurso. XXI. Inverno

PSEUDÓNIMO: Xancarallás
CATEGORÍA: Relatos
TÍTULO: Inverno

INVERNO

Noite, Silenzo, Frío…

Inverno. O reloxo da Igrexa daba as tres da tarde e ela seguía sentada sobor da rocha. A mirada perdida dos seus ollos daba conta das escasas horas que fora capaz de conciliar o sono aquela noite. Seus cabelos zoaban ao compás do vento da costa fisterrá e mentres ela seguía queda, esculcando a fráxil liña do horizonte que separaba ceo e mar. De cando en cando tomaba aire, pechaba os ollos e inspiraba fondamente aquel arrecendo costeiro. Ás veces, unhas tímidas bágoas escorregaban polas súas meixelas, caendo sobre unha bufanda vermella que apertaba fortemente contra o peito.
Pasaban as horas e ela seguía alí, inmóbil,  tentando espreitar o máis alá. Varios veciños achegáronse a ela, intentáronlle falar, bicárona, mais Basilisa ficaba queda, inmutábel. Nada nin ninguén conseguirían apartar a súa mirada das ondas batendo contra as rochas da Costa da Morte. Un grupo de mulleres de impoluto loito agrupábanse ao seu carón, rexoubando e latricando o acontecido días atrás. Ela non escoitaba, non falaba. Tan só dirixía a súa ollada á auga, intentando descubrir os segredos que garda para si o fondo do mar.
Nas súas mans curtidas polo traballo só había un anel. Alianza do seu amor cun mariñeiro que chegara á bisbarra había pouco tempo. Basilisa dáballe voltas ao aro de ouro. O tempo corría e logo se fixo noite, mais ela seguiu alí. A sensación de tristura e cansazo fusionábanse na súa faciana, na que pouco a pouco foran brotando longas olleiras. Varios foron os intentos dos seus parentes para trasladala ao seu fogar, mais ela rebulíase sen pronunciar palabra. Ninguén foi quen de separala daquela rocha.
Chovía. Choraba. As campás da igrexa seguían tocando a morto, e baixo o mofo da rocha aínda ficaban intactas dúas iniciais bordeadas por un corazón.

WordPress Themes