Concurso. V. Radio

PSEUDÓNIMO: Estopa
CATEGORÍA: Relatos
TÍTULO: Radio

RADIO

“Quise cortar la flor más bella del rosal, pensando que mi amor no me podría pinchar”

Non haberá nada mellor na radio? Preguntouse isto en voz alta a si mesma e a piques estivo de contestar pero lembrou aquela mestra de clases que lle dicía: “Falar só non é o problema, o malo é cando comezas a contestarte.”  Esbozou un sorriso ao lembrar aqueles tempos nos que ir ás clases era divertido pola afinidade coa mestra, e por aquela inocencia simulada que desbordaba por tódolos recunchos.

Reparou na frase musical que acababa de matar. Sentíase totalmente fóra de xogo e preguntábase si realmente existía alguén tan inocente para pensar que o amor non pinchaba… Con tan só quince primaveras nas súas costas tiña aprendido que a luxuria era mellor camiño que o amor, xa que era unha vía de escape a tódalas emocións e evadía o compromiso. É que ninguén máis reparou nisto? Estaba convencida de que esperar algo de alguén era un sinónimo de decepción si o esperado supoñía máis que unha amizade. Iso era o que lle gustaba: saír a rachar cos seus amigos, sacar proveito da súa xuventude, non borrar o sorriso nunca… un sorriso que transmitía liberdade e alegría, a pesar de que agochase un sufrimento encadeado. Moitas veces preguntábase por que o facía, e o corpo dáballe unha resposta inmediata de liberación de adrenalina, exaltación do prohibido, e palabras que eliminaban a pouca vontade que lle quedaba ao someterse ao desexo común cando se evadían da cara visible da terra. A falta de comunicación era un elemento clave, absurdo, pero a clave deses encontros. Se houbese habido máis comunicación o desexo descendería en picado igual que unha gráfica exponencial, se  a poñemos patas arriba.

Patas arriba era como estaba o seu equilibrio interno, que ela cría controlado. “Fágoo porque quero.” Nada máis lonxe da realidade. Resulta que os desexos humanos son condicionados, e as condicións, eran precisamente o problema. Un día que lle faltase era como un inferno e unha busca sen resposta na que non había espazo para pensar. Máis de unha vez dixo: “Máis non.” Pero foi imposible. Cada vez que volvía caer, dúas sensacións invadíana por completo: a primeira, era a sensación de volver ser libre e facer o que botaba de menos; a segunda, era o sentimento de prisión de novo por volver tropezar no mesmo erro. Si, agora chamábase erro.

Pero un erro dos que se aprenden moitas cousas, un erro do que non se arrepentía porque grazas a iso descubriu moitas cousas, claro que non todo o descuberto era positivo.

“Everybody makes mistakes, everybody has those days”

Agora esta rapaza dando a vara. Decidiuse a apagar o radiocasete xa que nada bo lle estaba aportando. Por segunda vez reparou na frase que acababa de matar.

Levantou a mirada do punto infinito no que a tiña somerxida e díxose a si mesma que ía aprender a convivir co seu pasado. Botou unha ollada pola fiestra. Chovía. Colleu as botas de auga, aquelas que Estopa menciona nunha das súas cancións, e ó igual que na canción creuse Superman, pero decidiu non deixar que lle roubasen o seu soño. Colleu tamén o chuvasqueiro e saíu baixo a chuvia. Non se peiteara, realmente non o facía nunca, pero pouco lle importaba xa que acababa de decidir comezar a ver a vida de outro xeito. E baixo a chuvia cruzou a rúa e botou a andar ata o infinito, e máis alá.

WordPress Themes