Trabalingua gañadora da VI edición do premio Luísa Villalta

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocaba o 2 de outubro de 2009 a sexta edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras. Os obxectivos deste premio,dirixido a todos os membros da comunidade universitaria galega, eran os de desenvolver iniciativas anovadoras relacionadas coa planificación e normalización lingüísticas, e promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria respecto da situación da lingua galega.

Trabalingua presentou o proxecto de nova asociación e a campaña normalizadora de San Teleco , así como outras pequenas accións realizadas anteriormente e proxectos futuros.
Esta mañá comunicóusenos que eramos os gañadores da Modalidade A: premio ao deseño dunha acción normalizadora que desenvolva unha iniciativa orixinal que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario.
Queremos agradecer este premio que empregaremos para levar a cabo os nosos proxectos e darlles as grazas tamén a todos aqueles que participaron das nosas actividades e o fixeron posíbel.

Actividade “Ligar en San Teleco”

Esta idea xurdiu da busca que andabamos a facer dun xeito orixinal de promover o uso do galego na Universidade. Como se achegaba a festa universitaria de San Teleco decidimos  participar de forma activa nela, ao mesmo tempo que aproveitabamos a ocasión para darnos a coñecer como asociación. Decatámonos de que, se queriamos chamar a atención dos nosos compañeiros e compañeiras en tal ambiente festivo, debiamos levar a cabo algunha actividade divertida e dinámica. Aí están as orixes de ” Ligar en San Teleco”. Esta acción estivo dirixida á  mocidade que asistiu a romaría do San Teleco, principalmente estudantes da Universidade de Vigo, ademais de algúnns mozos e mozas que se achegaron dende algúns institutos de ensino medio e doutros campus e universidades.

Como se desenvolveu a actividade?

Fixéronse unhas 200 pulseiras de cartolina, dun lado apareca un refrán, e polo outro o seu significado. As pulseiras construíanse de xeito que houbese sempre dúas co mesmo refrán. Tamén se creou un evento no Tuenti chamado “Ligar en San Teleco” para que a xente que fose á festa soubese da existencia da campaña. A pesar de crearse con só  dous días de antelación foron 151 as persoas que confirmaron a súa asistencia e 206 as que elixiron a opción de quizais .

No desenvolvemento da acción o  tempo axudou e  puidemos realizar a actividade con soltura. O xogo consistía en ir repartindo pulseiras á xente que estaba a festexar o San Teleco,unhas para os mozos e outras máis clariñas para as mozas, á vez que repartiamos tamen chapas de “Busco Amante Galego-Falante” signo que identificaba aos participantes do xogo.

Con isto aproveitamos tamén para repartir uns pasquins con información sobre a nosa recente   asociación para darnos a coñecer e conseguir novos membros. A comitiva contaba tamén con un gaiteiro para chamar a atención e amenizar a festa, ao que axiña se sumaron outros músicos próximos.

A xente poñía a chapa, gardaba o pasquín  e coa pulseira xa no pulso buscaba en galego o descoñecido ou descoñecida que tiña a pulseira co mesmo refrán, ao mesmo tempo aprendía o significado do seu dito popular se non o coñecía anteriormente.

A aceptación da xente foi moi boa, e para Trabalingua a actividade resultou ser todo un éxito. Chegamos a moreas de xente, intentamos que estas se comunicaran en galego durante a festa e a ao mesmo tempo demos a coñecer a nosa fraseoloxía popular.

Achegate a nós a través das túas redes sociais favoritas…

Xa están a andar o Tuenti e o Facebook de trabalingua!

Buscanos, engadenos como amigo e poderás ver todas as fotos das nosas actividades, estar ao día cos nosos eventos ademáis de poder contactar connosco facilmente.

Preme aqui para acceder ao noso perfil en Facebook

Recordamosvos que tamen temos un correo electrónico co cal poder contactarnos : asociaciontrabalingua@gmail.com

Profecía cumprida

ESPERTA DO TEU SONO…

“O Fogar de Breogán está espertando do seu longo soño”

“O Fogar de Breogán está espertando pra non durmir máis”

“O Fogar de Breogán levaba tempo adormecido, co corazón xeado. Quedaba pampo ante aqueles que aproveitando a friaxe do seu corazón lle querían roubar o seu máis prezado tesouro: a lingua, cerne e base da súa identidade”

“Mais o sol da primavera derreteu a escarcha que levabamos no corazón. Nunha desas mil primaveras auguradas por Cunqueiro, na do 2009, a calor da razón e do amor ao propio (lingua, cultura,  xente, terra) cumpriu a súa función: acabar coa indiferenza e dar comenzo á loita por defender o noso”

“Nesta primavera do 2009 algo está pasando na Galiza. A crise,  a aparición de grupos reaccionarios en contra do galego, as intencións do PP reentrante na Xunta respecto a lingua… Todo isto e moito máis callou na xente, en min, en NÓS.”

“Callou en NÓS, e xa hai un NÓS potente na Universidade de Vigo para defender o galego (que non atacar o castelán nin os castelanfalantes).”

“Xa hai un NÓS na Uvigo, un NÓS sen nome (por agora), un NÓS que é noso, daqueles que nos preocupa a situación na que se atopa o idioma propio de Galiza. “

“Xa hai un NÓS, do que ti podes formar parte. O contexto histórico non permite pasividade. Se o corazón che pide NÓS, non o penses máis.”

“Fales o que fales,

teñas as ideoloxías, crenzas que teñas,

pertenzas ou non a calquera asociación ou grupo/partido político.

O GALEGO precisa de ti,

GALICIA precisa de ti,

NÓS necesitámoste”

“Manda un  correo a asociaciontrabalingua@gmail.com

e únete a NÓS para defender o que é teu, meu, noso,

O GALEGO,

A LINGUA DE ROSALÍA, CURROS E PONDAL”

———————————————————————

A profecía cumpriuse: ese NÓS é unha realidade.

Ese NÓS é Trabalingua.


Quen somos

Quen somos?

Unha asociación aberta de mozos e mozas da Universidade de Vigo preocupados pola situación actual da lingua galega, sen dependencia de ideoloxías ou organizacións de calquera índole.

Como xurdiu Trabalingua?

Tras a celebración das Xeiras sobre a lingua galega organizadas polos Comités da Uvigo  en abril de 2009 descubrimos que moitos de nós compartiamos a mesma convicción: “sabiamos o futuro da lingua estaba na man da mocidade”.

Obxectivos

-Defender e promover o uso da lingua galega en todo o eido universitario.

-Traballar pola normalización nos ámbitos sociais e culturais.

Como unirte a nós

Manda un correo a asociaciontrabalingua@gmail.com para pedirnos máis información e formar parte de Trabalingua.

WordPress Themes